Tuesday 07 de May de 2024

Xogos de auga e obradoiros de repostería e psicomotricidade centran os primeiros días de xullo no Lousame Concilia


O Concello de Lousame vén de iniciar as actividades do seu programa de verán para a conciliación da vida familiar e laboral, integrado no programa Lousame Concilia. Nestas primeiras xornadas de xuño, nas que foron visitados pola concelleira de Ensino e Cultura, Silvia Agrafojo, as actividades centráronse en xogos de auga e na celebración de diversos obradoiros.

Os quince nenos e nenas, de entre 3 e 12 anos de idade, que participan no Lousame Concilia Verán están divididos en dous grupos de idade, para así garantir un maior control dos grupos e facilitar a aplicación dos protocolos anti-covid, tal e como se aplicaron con éxito durante a pasada temporada. Iso non impide a celebración de distintas actividades, tanto físicas como de salón.

Dentro das actividades físicas sitúanse os xogos de auga cos que loitaron contra a calor dos últimos días, que se uniron aos obradoiros de psicomotricidade celebrados a finais da semana pasada. Así mesmo, durante a mañá tamén poñen en forma as súas mentes con obradoiros de manualidades e mesmo talleres de repostería, onde elaboraron cadanseu croissant.

O Lousame Concilia Verán desenvólvese de luns a venres nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, entre as 09.30 e as 14.30 horas. Este servicio está organizado pola Concellería de Igualdade do Concello de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.